As Tanias proclámanse campionas do Mundo e Garrido e Duro subcampións

A primeira carreira da xornada foi o C1 feminino, no que María Martín acadou a quinta posición. A continuación foi o turno do K2 feminino, no que a lucense Tania Fernández e a grovense Tania Álvarez tiñan que defender o título de campionas do mundo, polo seu lado, a asturiana Miriam Vega e a ribereña Alba Esteban tamén defendían as cores da selección. O primeiro grupo estaba formado por elas, as húngaras Sinko e Csepe, as sudafricanas Singe e Wilson, as arxentinas Garro e Maslein, as rusas Kravchenko e Mironchenko e as australianas De Kretser e Mann, quen onte foi campiona en K1. Todas estas padexeiras mantiveronse en grupo ata que na quinta volta, na que as dúas embarcacións nacionais, a húngara e a sudafricana tomaron ventaxa. Nas dúas últimas voltas comezou a batalla entre a parella de Fernández e Álvarez e a de Sinko e Csepe, que tivo como vencedoras á dupla galega, a un segundo de ventaxa das maxiares. As sudafricanas terceiras e Miriam e Alba foron cuartas.

A saída do C2 tivo lugar 5 minutos despois, pronto se formou a cabeza de carreira formada polo pontevedrés Jaime Duro e o tudense Manu Garrido, o grovense Tono Campos e o cuntense Diego Romero, a dupla portuguesa de Coelho e Lacerda e a húngara Soltesz e Buday. Na cuarta volta, a parella húngara se descolgou e polaca de Mateusz Borgiel e Mateusz Zuchora entrou ao grupo cabeza. Na última volta foise acheganto a dupla rusa de Erlinekov e Nemov. No último kilómetro o enfrentamento foi entre Duro e Garrido e os lusos Coelho e Lacerda. Os vencedores foron os portugueses e a parella galega foi subcampiona. Namentres o C2 de Campos e Romero finalizou en quinta posición.

A carreira do K2 doble foi un espectáculo, tal foi así que na sexta volta o grupo de cabeza ainda estaba formado por oito embarcacións. As parellas da selección eran as do pontevedrés Joaquin Iglesias e o ribereño Adrián Martín e a de Marc Martinez e Mario Masía. Despois do último porteo, catro embarcacións eran as que loitaban polo liderazgo, entre elas Iglesias e Martin, os daneses Jorgensen e Hansen, os arxentinos Caceres e Ratto e os húngaros Boros e Erdelyi. No sprint final, a dupla española finalizou en cuarta posición a tan só un segundo dos maxiares.

España foi a vencedora no medalleiro final con dous ouros e dúas pratas, fronte a Dinamarca con dous ouros, unha prata e dos bronces, Portugal terceiros con dous ouros, unha prata e un bronce. A proxima cita mundialista será en Silkeborg (Dinamarca), que se celebrará a primeira semana de setembro de 2027.