Iván Alonso e Eva Barrios son os principais nomes do Campionato de España de Maratón

O venres 25 de abril comezaba o Campionato de España de Maratón, no que se desenvolveron as probas do maratón curto. Tales carreiras formaban parte do selectivo para o Campionato de Europa, que se disputará en Ponte da Lima a primeira semana de xuño. A vitoria no C1 senior feminino conseguiuna a canoísta María Martín, do CEP Aranjuez. A segunda posición, tamén clasificatoria para o europeo sería para Candela Romero, do Club Náutico Pontecesures. Na categoría femenina do K1 a primeira foi Eva Barrios, do Club Deportivo Durius Kayak Zamora; a zamorana foi a vencedora por tan só 0.81 segundos da zumaiarra Irati Osa (Itxasgain Zumaiako Urola Itsasadar Piraguismo Klub). O C1 masculino tivo como vencedor a Jaime Duro, da Escuela de Piragüismo Ciudad de Pontevedra, a tan só 1.17 segundos do pontevedrés entrou en meta o grovense Tono Campos, do Breogán do Grove. A derradeira carreira do maratón curto foi a do K1 masculino, no que o vencedor foi o tudense Iván Alonso (actual membro do Club das Torres de Catoira); a segunda posición foi para o veteranísimo Walter Bouzán (CDB de Piragüismo El Sella), que sigue pegando forte con 47 anos.

O sábado tiveron lugar as regatas do maratón tradicional en embarcacións individuais. A vencedora do K1 feminino volveu a ser para Eva Barrios, que superou por tres segúndos á grovense Tania Álvarez Yates (Breogán do Grove), a terceira posición foi para a zumaiarra Irati Osa. No C1 masculino, o meco Tono Campos volveu a demostrar que é o mellor na categoría, por diante de Fernando Busto (As Torres de Catoira) e Gonzalo Moreno (Club Náutico Sevilla), prata e bronce respectivamente. A carreira máis disputada foi a do K1 masculino, na que as catro primeiras posicións resolvéronse en menos de 2 segundos. A vitoria foi de novo para Iván Alonso, a prata conseguíuna Adrián Martín (CEP Aranjuez) e Miguel Llorens (Sociedad Cultural y Deportiva Ribadesella) acadou o bronce.

O clima do domingo obrigou á organización a cancelar as competicións, xa que
as fortes olas impediron que o equipo de salvamento puidese asistir a tódalas incidencias como afundimentos ou diversas problemáticas producidas polo vento.