Nove medallas na Copa do Mundo de Pista en Portugal

copamontemorovelhoA selección española acadou nove medallas na Copa do Mundo de Pista celebrada en Montemor-O-Velho, en Portugal.

Na primeira xornada, o maiorquí Sete Benavides lograba a medalla de ouro no C1 200, por diante do local Silva e o chino Li. Esa mesma mañá, o talaverano Paco Cubelos acadaba o bronce en K1 1000 por detrás do australiano Murray e o portugués Pimenta. Así mesmo, o K2 200 de Cristian Isaac Toro e Carlos Arévalo lograba a medalla de bronce por detrás dos húngaros e os franceses. Por outra parte, a última medalla da xornada sería para o C2 feminino de Paniagua e Coco, bronce nos 500 metros.

O domingo acadáronse dous metais máis na mesma carreira, no K4 1000: o de Hernánz, Germade, Carrera e Peña e o de Pavón, Martí, Rodríguez e Millán, quenes acadaron a prata e o bronce respectivamente, por detrás do K4 de Australia. Pola súa parte, na categoría feminina, a zamorana Laura Pedruelo facíase ca medalla de prata no K1 1000 metros solo superada pola palista húngara Fazekas-Zur. Tamén na categoría feminina, as rapazas do K4 Corbera, Contreras, Barrios e Varela conseguían a medalla de bronce nos 200 metros, por detrás de Portugal e de Polonia.

Finalmente, nas últimas carreiras da Copa, España volvía a subir o escalón máis alto, da man do K4 200 de Toro, Arévalo, Garrote e Soler; que vencían ante os húngaros e arxentinos, prata e bronce respectivamente.