Cinco novas medallas converten a España en subcampiona de Europa en Račice

Hoxe rematou o Campionato de Europa en Račice. Unha xornada na que se gañaron catro medallas no Canal de Piragüismo de Račice.

A primeira final en realizarse sería a do C1 500, no que o vilanovés Manuel Fontán rematou en novena posición; carreira na que venceu o local Martin Fuksa. A continuación tería lugar o C1 500 en categoría feminina, na que padexaría a madrileña María Corbera, quen acadou a medalla de bronce nunha regata dominada pola ucraína Liudmyla Luzan. A seguinte final con participación da selección foi o K1 200, na que o brigantino Carlos Arévalo tamén acadou a medalla de bronce nunha proba liderada polo serbio Dragosavljevic.

A primeira victoria da xornada foi no C2 500, que sería dominada polas tamén campionas sobre os 200 metros, a mallorquina María dels Angels Moreno e a ucraína residente en Murcia, Viktoria Yarchevska, con tan só 21 e 20 anos, esta parella acadou dous ouros europeos. No C2 500 masculino tamén parecía que íamos ter unha nova victoria, cunha embarcación formada polo pontevedrés Adrián Sieiro e o madrileño Daniel Grijalba; estes palistas foron dominando toda a carreira ata que no último momento foi adiantada pola embarcación francesa, mantendo unha diferencia de tan só 0.090 s. A derradeira carreira da mañá sería o K2 500, na que a donostiarra Begoña Lazkano e a emeritense Estefanía Fernández finalizaron en quinta posición.

Polo mediodía disputáronse as carreiras sobre 5000 metros, en primeiro lugar sería o turno do C1 feminino, no que a que defendía as cores era a ribereña María Corbera, que se proclamou subcampiona por detrás da húngara Zsofia Csorba. A ela seguiulle o C1 masculino, no que o pontevedrés Jaime Duro quedouse ás portas do podio; do mesmo xeito que o fixo a emeritense Estefanía Fernández, que estivo a 1,4 s. do bronce. O veteranísimo asturiano Walter Bouzán volveu a demostrar que con 47 anos, segue estando entre os mellores; despois de estar no segundo grupo durante a metade da regata, acadou deixalo atrás e chegar ata o grupo de cabeza formado por seis padexeiros. No sprint final rematou en quinta posición, nunha distancia na que o actual campión europeo, Fernando Pimenta, volveu a acadar o título.

O paralímpismo español tamén acadou varios éxitos, tres bronces, por unha parte o vizkaíno Higinio Rivero acadou o metal en VL2 200, o rianxeiro Adrián Mosquera fixo o mesmo en VL3 200 e a ceutí María Jiménez en KL3 200. Por outra parte, con final directa, no VL2 200 feminino, a extremeña Inés Felipe foi subcampiona.

O medalleiro final deulle a victoria a Hungría, con sete ouros, tres pratas e cinco bronces; a selección española foi subcampiona con catro medallas da mesma cor, e Portugal foi terceiro con tres ouros e unha prata.