Catro novas medallas na segunda xornada de finais de Duisburg 2023
A xornada de hoxe no Campionato do Mundo en Duisburg volveu traer o mesmo número de metais que onte, así como un novo pase para os Xogos Olímpicos de París.

A primeira final da xornada con participación española foi a do K1 1000 m., no que a zamorana Laura Pedruelo acariciou as medallas nunha carreira que liderou a australiana Alyssa Bull. O primeiro metal da selección foi o ouro acadado polo asturiano Pedro Vázquez Llenín e o zumaiarra Iñigo Peña, que lideraron o kilómetro por diante de húngaros e alemáns. Tamén sobre os 1000 metros estarían na final o C2 dos pontevedreses Pablo Crespo e Martín Jácome, que finalizaron en cuarta posición a tan só 0.04 segundos do bronce dos rumanos Sprincean e Nuta. A pontevedresa Cris Soutelo finalizou en oitava posición nuns 1000 m. que encabezaría a chilena Maria Mailliard.
Sobre os 200 metros padexaría o zamorano Carlos Garrote, quen acadou a medalla de bronce nunha disputada carreira na que seis participantes entraron en meta en tan só medio segundo. O talaverano Paco Cubelos, obtivo unha séptima posición que en principio non lle asegura a clasificación para os Xogos de París. A seguinte medalla a acadaría Antía Jácome, nun C2 que volvería a competir coa madrileña María Corbera; a pontevedresa acadaría así a súa terceira prata tras unha carreira que foi liderando ata que a embarcación das chinas Xu e Sun as adiantaron nos últimos metros; con esta posición, a selección acada unha nova praza para esta categoría. A derradeira final da xornada volvería a darlle un ouro á selección, cun C4 formado polo cangués Pablo Graña, o vilanovés Manuel Fontán, o pontevedrés Adrián Sieiro e o mallorquino Joan Antoni Moreno; a embarcación liderou toda a carreira do medio kilómetro.
Mañá disputaranse tres finais con opcións de clasificarse para os Xogos. A primeira será a final do K2 500, no que participarán o cangués Rodrigo Germade e o madrileño Adrián del Río, que se clasificaron á final co segundo mellor tempo. A continuación padexarán os C2 dos sevillanos Cayetano García e Pablo Martínez, que fixeron o mellor tempo na súa semifinal. A derradeira final de categoría olímpica sería a do K2 500 no que participará o K2 da banyolina Laia Pèlachs e a donostiarra Begoña Lazkano. A continuación terán lugar as categorías non olímpicas, na que se encontra o C4 feminino sobre 500 metros no que a embarcación da selección estará formada por María Moreno, Claudia Couto, Valeria Oliveira e Antía Otero. No K2 mixto sobre 500 m., padexarán Iñigo Peña e Bárbara Pardo. As derradeiras categorías serán sobre os 5000 m., no que o C1 feminino estará representado por Cristina Soutelo; no C1 masculino estará Noel Domínguez; no K1 feminino padexará Estefanía Fernández e no K1 masculino competirá Paco Cubelos.