Dúas novas medallas na segunda xornada de Szeged 2023
Esta mañá tivo lugar unha nova sesión de finais na copa de Szeged. A primeira final A con participación da selección foi a do C2 feminino sobre 500 metros, no que Antía Jácome e María Corbera se proclamaron subcampionas por detras das chinas Shixiao Xu e Mengya Sun. Deste xeito a pontevedresa Antía acada tres medallas nesta copa, unha de cada cor. A seguinte final con participación española foi o K1 feminino sobre o kilómetro, no que a padexeira ceutí Isa Contreras proclamouse campiona por diante das polacas Justyna Iskrzycka e Anna Pulawska, segunda e terceira respectivamente. A seguinte participación da selección foi a do talaverano Paco Cubelos no K1 1000, que tras un comezo bastante lento a súa arrancada final foi relativamente breve, acadando unha sexta posición nunha carreira que tivo como campión ao húngaro Adam Varga.

Á tarde realizáronse as fases clasificatorias para as finais de mañá. A primeira eliminatoria foi a do C1 sobre 500 m., no que a madrileña María Corbera gañou á súa heat e clasifícase á final sen necesidade de pasar pola semifinal. As embarcacións do K2 500 estivo composto polos membros do K4 olímpico. Por un lado, un K2 formado por Carlos Arévalo e Saúl Craviotto e o outro formado por Marcus Cooper e Rodrigo Germade, a súa carreira no K4 o día de onte pasou factura de tal modo que as dúas embarcacións se clasificaron polos pelos á final C. No C2 500, os sevillanos Cayetano García e Pablo Martínez gañaron a súa semifinal, clasificándose así á final; namentres a embarcación do vilanovés Manuel Fontán e o cangués Pablo Graña foron quintos despois dun rápido inicio, de tal xeito que se clasifican á final B. Finalmente, o K2 da donostiarra Begoña Lazcano e a banyolina Laia Pèlachs clasificáronse á final B despois de ser cuartas na súa semifinal.
Mañá sera o turno das finais destas categorías e das carreiras sobre 5000 metros.