Dúas pratas e dous bronces en Sudáfrica 2017

O Campionato do Mundo de Piragüismo en Maratón disputouse esta semana na cidade sudafricana de Pietermaritzburg. A xornada do sábado e domingo foi o turno das categorías absolutas, mentres no sábado tiveron lugar as carreiras das embarcacións individuais, hoxe domingo se disputaron as regatas das embarcacións dobres.

A primeira categoría en competir a mañá do sábado foi o C1 feminino, no que a selección española non tivo representación e no que a victoria foi para a ucraniana Liudmyla Babak, seguida da canoísta húngara e checa. No K1 feminino, a mirada da selección estaba posta en Eva Barrios e Aurora Figueras. A primeira mantívose no grupo de cabeza nas primeiras 5 voltas, ata un tirón das dúas embarcacións húngaras, da británica e da irlandesa, mentres que Barrios mantívose padexando no segundo grupo fronte a checa Koziskova. No sprint final a varias veces campiona do mundo Renáta Csay perdeu posición e Barrios finalizou en cuarta posición, por detrás da británica Belcher, da húngara Kiszli e da irlandesa Egan. No caso de Figueras, tras estar no primeiro grupo das dez posicións de cabeza, retirouse ao longo da carreira. No C2 masculino, a parella española do meco Tono Campos e do tudense Manu Garrido, mantívose en cabeza co palista húngaro Márton Kövér ao longo das cinco primeiras voltas, trala cal Kövér avanzou en solitario, o duelo dos galegos finalizou coa prata de Garrido e o bronce de Campos. No K1, os palistas españois foron o tudense Iván Alonso e o asturiano Emilio Llamedo. Tras unha díficil saída e unha complicada procura de ola nun grupo de máis de dez kayakistas, Alonso mantívose no grupo de cabeza durante as tres primeiras voltas, e retirouse nas seguintes voltas. A colocación de Llamedo no primeiro grupo ao comezo da carreira foi máis lento, pero logrou gañar o segundo grupo, finalizando en quinta posición, despois da vitoria do local Mc Gregor, seguido polo tamén sudafricano Birkett, o húngaro Boros e o portugués Ramalho, un grupo de catro que permaneceu en cabeza desde a terceira volta.

A xornada do hoxe comezou co turno do K2 feminino, no que participaron o K1 de Eva Barrios e Aurora Figueras, que repetían carreira trala carreira do K1 e a embarcación da grovense Tania Álvarez e a madrileña Lucia Arquero. Os dous K2 estiveron no grupo de cabeza durante as dúas primeiras voltas; na cuarta volta, a embarcación de Álvarez e Arquero seguía no grupo de cabeza e o de Barrios e Figueras pasou ao grupo persecutor. A partir da segunda metade do maratón, os cinco primeiros K2 avanzaron en solitario, e trala séptima e última volta, o K2 de Álvarez e Arquero finalizou en sexta posición e o de Barrios e Figueras en noveno; co ouro e plata dos K2 húngaros e o bronce para o K2 británico. O C2, ao igual que outros anos, volvía a ter como representantes españois ao arousano Ramón Ferro co pontevedrés Óscar Graña e a dupla de Tono Campos acompañado do coruñés Jose Manuel Sánchez. Os dous C2 da selección estiveron en cabeza xunto a dupla húngara de Kövér e Dóczé durante as cinco primeiras voltas, a partir das cales o liderazgo estivo entre o C2 húngaro e o de Ferro e Graña, que se mantivo en loita ata o sprint final, que lle dou a victoria a os húngaros, mentres a dupla de Ferro e Graña quedouse coa medalla de plata e Campos e Sánchez mantivéronse en posición, acadando a medalla de bronce. O K2 non tivo estes bos resultados, xa que a embarcación do pontevedrés Álvaro Fdez. Fiuza e o asturiano Walter Bouzán, tivo que retirarse pola doenza de gastroenterite do segundo. Con todo, o K2 de Miguel Lloréns e Luís Pérez mantívose en cabeza ata o final, realizando un sprint final que o deixaría ás portas do podio, a 04,92 segundos dos campións Mc Gregor e Mocke, a embarcación húngara e o segundo K2 sudafricano.